O maio de Campañó manterá viva a Festa dos Maios

PONTEVEDRA> Mañá é 1 de maio pero por segundo ano consecutivo a pandemia non permitirá a celebración da tradicional Festa dos Maios. En Pontevedra non queren renunciar a esta tradición, así que dende esta tarde a Asociación Cultural e Deportiva de Campañó traballa na praza da Ferrería para demostrar como se elaboran estas construcións vexetais para celebrar a chegada da primavera.

Mañá é 1 de maio, pero a praza da Ferrería de Pontevedra non soará así.

Por segundo ano consecutivo a pandemia obriga a cancelar a tradicional Festa dos Maios. Non haberá concurso nin cantares nin mostra das diferentes estruturas que os participantes prepararan para a ocasión, pero si haberá uns representantes de luxo.

O ano pasado foi todo virtual, así que a proposta deste ano é un paso adiante cara a normalidade. Esta tarde a asociación puxo mans á obra para que mañá pola mañá, como manda a tradición, o seu maio poida estar listo.

O concello combinou esta iniciativa cunha exposición nos escaparates dalgunhas tendas do centro de Pontevedra que recordan como era esta cita antes da pandemia. Porque o fundamental é que a Festa dos Maios non se perda.

O maio de Campañó estará exposto na Praza da Ferrería ata o domingo. Un exemplar que recibirá a primavera como manda o costume. Tampouco faltarán as típicas coplas. E polo que puidemos ver nun pequeno adianto, da súa crítica e do seu humor ácido non se libra nin o coronavirus.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí