SALNÉS> A presidenta da mancomunidade sae ao paso para responder ás acusación do alcalde de Vilanova de estar crebando a ente comarcal. Marta Giráldez pídelle a Durán que deixe de mentir, de poñer trabas e que tome posesión do seu cargo como representante de Vilanova.
Os investimentos para saneamento da Xunta en Vilanova e Cambados continúan sendo motivo de disputa entre o ex presidente da mancomunidade do Salnés e a actual mandataria. Gonzalo Durán acusou a Giráldez de estar rompendo a mancomunidade por non xestionar o proxecto da senda peonil e ameazou con deixar de apoiar os proxectos doutros concellos como a tubaxe do Grove. Unhas declaracións que a presidenta cualificou de mentiras.
Durán tamén acusou a Giráldez de non tomar medidas fronte a covid. De novo a presidenta considera que o alcalde vilanovés minte xa que foi convocado a todas as reunións de alcaldes da comarca.
Por todo isto, a presidenta pídelle a Durán que deixe de poñer trabas e que cumpra coas súas obrigas.
A débeda de Vilanova coa mancomunidade ascende aos 400 mil euros. en caso de non presentar un plan de pagos, a mancomunidade podería deixar de prestar servizos no concello vilanovés. A resposta de Durán non se fixo agardar pedindo a dimisión da presidenta da mancomunidade.