Comesaña asegura que a reunión cos alcaldes será técnica e cre que o cumio de Lores é ‘partidista’

PONTEVEDRA> Todos os concellos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés están chamados a unha reunión a vindeira semana co conselleiro de Sanidade. Hoxe Julio García Comesaña criticou a convocatoria de Miguel Anxo Fernández Lores, que cualificou de partidista. O conselleiro insiste na postura que a Xunta leva tempo defendendo: o responsable da situación é o Ministerio de Sanidade por non aumentar o número de prazas de MIR.

O cumio pola sanidade convocado polo alcalde de Pontevedra tivo rápida resposta por parte da Consellería de Sanidade. Julio García Comesaña visitou hoxe o Hospital Provincial na cidade. Dende alí criticou a iniciativa impulsada por Miguel Anxo Fernández Lores.

En canto á convocatoria feita pola propia consellería para a vindeira semana, García Comesaña insistiu en que se tratará dun encontro de carácter técnico. Desbotou, así, a presencia do presidente da Xunta que solicitaron os alcaldes.

E é que o titular de Sanidade insistiu en sinalar ao Ministerio como o responsable último da situación actual de falta de médicos.

A última reunión entre os alcaldes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e a consellería de Sanidade celebrouse no mes de agosto do ano pasado.