Rafa Domínguez: ‘Se Lores admite o erro isto quedaría para as murgas’

PONTEVEDRA> O PP de Pontevedra dá por rematada a polémica xerada pola falta de licenza de primeira ocupación da casa do alcalde da cidade. Os populares non van denuncia-lo caso na xustiza nin tampouco van pedi-la dimisión de Lores. Entenden que puido ser un erro, que o nacionalista resolveu cando se decatou. Con todo, consideran ‘graves’ as explicacións dadas polo rexedor, ó que acusan de mentir.

A polémica naceu o pasado luns e, para o PP, morreu hoxe. Os populares non van pedi-la dimisión do alcalde de Pontevedra por vivir durante 22 anos sen licenza de primeira ocupación na súa casa. Tampouco acudirán á xustiza.

O líder da formación acepta o erro e considera que foi resolto cando o nacionalista se decatou. Rafa Domínguez entende que o problema non é este, senón terlle mentido ós veciños á hora de dar explicacións.

A voceira do goberno local, que foi a primeira en dar explicacións sobre este asunto xa o pasado luns, foi a encargada de responder ó PP. Anabel Gulías di que nin ela nin o Concelleiro de Urbanismo nin o propio alcalde mentiron.

Di que non vai entrar no xogo que pretende o PP. Asegura que o xeito de facer política do BNG céntrase en traballar pola cidade, fronte ó estilo  marrulleiro do PP.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí