Lores ve ‘contraditorio’ que a hostalería pontevedresa pague as consecuencias dun gromo ‘que vén doutra comunidade’

PONTEVEDRA> Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés son máis dun cento os positivos detectados que teñen relación co gromo derivado da viaxe dos estudantes a Mallorca. Esta mañá o alcalde da capital valoraba a decisión da Xunta de Galicia de elevar ao nivel medio as restricións no municipio. Miguel Anxo Fernández Lores lamentou que unha vez máis a hostalería sexa o sector máis castigado.

Con 106 casos activos, a cidade de Pontevedra é un dos municipios que máis preocupa á Consellería de Sanidade pola evolución da pandemia. Tanto é así que a partires do sábado o municipio pasará a estar no nivel medio de restricións.

Unha vez máis, a hostalería será o sector máis castigado. Volverán reducirse as capacidades, pasando ao 30% no interior e ao 50% en terrazas. Ademais, o ocio nocturno non poderá abrir como inicialmente estaba previsto.

Por iso o rexedor cuestionou que as restricións se apliquen en Galicia cando se trata dun gromo importado doutra zona do Estado. Tamén destacou que en Pontevedra non hai ningún abrocho relacionado co botellón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí