A investigadora Carmen Salinero, pregoeira das Festas da Peregrina 2022

PONTEVEDRA> Xa coñecemos o último que nos quedaba por saber das Festas da Peregrina deste 2022. A investigadora e directora da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Carmen Salinero, será a pregoeira este ano. Hoxe adiantou que na súa intervención falará da necesidade de visibilizar á muller no mundo da investigación, destacará a importancia da agricultura e porá o foco sobre a necesidade de coidar os novos investigadores. O pregón será o sábado 13 de agosto na Praza da Pedreira, ás 12 do mediodía.

Investigadora, presidenta da Sociedade Española da Camelia, directora da Estación Fitopatolóxica do Areeiro e, agora tamén, pregoeira das Festas da Peregrina de Pontevedra no ano 2022.

Carmen Salinero será a encargada de marcar o inicio das festas. Unha honra que, explicou, aínda non cre, despois de 42 anos residindo na cidade.

Esta maña foi a súa presentación oficial. O pregón será o día 13 de agosto, pero Salinero confesou que xa ten listo o esquema que estruturará a súa intervención.

Dende o concello, agradeceron que Carmen Salinero aceptara a súa proposta. Precisamente, un dos seus obxectivos é poñer en valor o papel da muller na investigación, con Salinero como referente.

Este ano, o pregón recuperará o seu escenario habitual. Será na Praza da Pedreira, dende o balcón do Pazo de Mugartegui. O día 13 de agosto ás 12 do mediodía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí