Portos de Galicia constrúe novos departamentos para usuarios no peirao de Rianxo

RIANXO> A actuación, cun orzamento de preto dos dous millóns de euros, permitirá a creación dun total de 48 novos espazos para uso de mariñeiros e mariscadores.

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, achegouse esta mañá ata o peirao de Rianxo para comprobar a marcha das obras de construción dos novos departamentos para usuarios do porto. A actuación, cun orzamento de preto de dous millóns de euros, iniciouse xa hai varios meses, co derrubo dos antigos, construídos a carón da capela de San Bartolomeu. O proxecto, xa moi avanzado, prevé a construción de case medio cento de departamentos para uso de mariñeiros e mariscadores deste peirao. Contarán con tódolos servizos necesarios, como son auga, electricidade, saneamento e mesmo preinstalación para as redes de telecomunicacións.

Segundo o patrón maior, Miguel Ángel Iglesias, a actuación era unha vella demanda da confraría, xa que as antigas instalacións fora construídas hai máis de trinta anos e presentaban un estado de abandono importante.

A visita da presidenta de Portos, foi aproveitada polo patrón maior para recordarlle outras demandas pendentes  de realizar no peirao, como son a mellora dos pantaláns da terceira lista ou os dragados en diferentes concesións do pósito.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí