VILAGARCIA> O ClasClás de Vilagarcía adáptase á situación sanitaria, mantendo a súa esencia. O festival vaise celebrar este ano nun único espazo, na Peixería, para garantir o control da capacidade. A proposta deste ano inclúe cinco actuacións que tamén se poderán seguir a través de pantallas xigantes dende o exterior do recinto. O broche final vaino poñer Uxía, cunha actuación diferente na praia da Concha.
O ClasClás de Vilagarcía mantén o nivel e calidade de edicións pasadas, pero adaptándose ao novo contexto. Ante a situación sanitaria, nesta cuarta edición o festival concentra toda a súa actividade na Praza da Peixería.
Haberá prazas no interior da Peixería, pero tamén no exterior, onde o público poderá segui-lo espectáculo a través de pantallas xigantes. Tamén hai novidades no propio programa que, malia a todo, mantén a súa esencia orixinal.
En total, o ClasClás programa este ano cinco concertos diferentes. O primeiro deles, o día 26 deste mes, da man do Trío Guarneri, que se encarga da dirección artística.
Completan o cartel Milan Al-Ashhab e Adam Skoumal, Ardemus Quartet, Judith Jáuregui , Epoque Quartet, as actuacións das Masterclasses e Uxía. A galega ofrecerá un concerto-fusión o 1 de xullo. Será o único fóra da Peixería, escollendo neste caso a Praia da Concha.
Todos os concertos son de balde. As entradas pódense reservar a través da plataforma Woutick.