Continúa aberta a Feira do Libro en Rianxo

RIANXO> Rianxo acolle dende o pasado sábado unha nova edición da Feira do Libro.

Trátase dunha actividade organizada pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, que se está a converter xa nun referente cultural na vila.

O alcalde, Julián Bustelo, xunto co presidente da Federación de Librarías, Ramón Domínguez, foron os encargados de inaugurar o evento.

Este ano actuou coma pregoeira a escritora Arantza Portabales que reivindicou a importancia dos libros e da lectura.

Como en edicións anteriores na Feira participan un bo número de librarías chegadas dende diferentes localidades galegas, así como tamén da propia vila.

Prolongarase ata mañá martes, aproveitando a xornada festiva do Día de Galicia. Durante estes días realizáronse máis dunha ducia de presentacións e sinaturas de libros, pero tamén outras actividades como sesións de contacontos ou actuacións musicais.