A comisión de festas dos Pincheiros denuncia que persoas non autorizadas piden donativos no seu nome

A POBRA> A Comisión de Festas do Carme dos Pincheiros denuncia que están a suplantar a súa identidade para recadar cartos entre a veciñanza. O presidente da comisión advertiu que tódolos membros que participan na recadación porta a porta van debidamente uniformados e cunha identificación , polo que piden ós veciños que non se fíen destes presuntos estafadores.

Tras dous anos de restricións pola covid, a comisión de festas do Carme dos Pincheiros da Pobra decidiu retomar este ano os catro días de celebración. Nada máis comezar coa recadación veciñal atopáronse coa desagradable sorpresa de que alguén que non ten nada que ver cos festexos estaba pedindo cartos para a súa celebración.

A pesar deste contratempo, agardan poder celebrar por todo o alto os festexos que serán entre o 19 e o 22 de agosto. Agradecen por tanto o labor de veciños, empresas e o concello e piden unha maior colaboración por parte de tódolos pobrenses para devolverlle ós pincheiros todo o seu esplendor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí