POBRA> Nun ateigado auditorio do museo Valle-Inclán tiña lugar onte domingo a presentación de Amparo Cerecedo coma candidata do BNG á alcaldía da Pobra.
A actual voceira municipal dá o paso e encabezará a candidatura dos nacionalistas pobrenses nas vindeiras eleccións municipais de maio.
No acto da súa presentación estivo acompañada pola portavoz nacional, Ana Pontón, que se mostrou confiada en que o BNG vai obter un resultado histórico nestes comicios.
Na súa intervención, a candidata mostrouse moi ilusionada co novo reto que se lle presenta, aludindo a que para ela era unha verdadeira honra encabezar a candidatura do BNG na Pobra.
Aproveitou o acto tamén para presentar ás persoas que a acompañarán na candidatura, unha lista que segundo ela mestura experiencia e novidade, pero sobre todo que será feminina e feminista.