LOUSAME> Volven a saltar as alarmas. O BNG leva de novo ó Parlamento Galego a problemática medioambiental da mina de Sanfinx. Os nacionalistas denuncian ás verteduras procedentes dunha das balsas de lodos da propia mina, onde se acumulan metais pesados e residuos tóxicos. Temen que a situación vaia a máis e que poida chegar a afectar ós acuíferos da zona e por extensión a toda a Ría de Muros-Noia, co conseguinte prexuízo que iso podería conlevar.
As imaxes falan por si mesmas. Unha vertedura de grandes dimensións procedente da comporta dunha das balsas principais de lodos da mina de Sanfinx, na que se acumulan metais pesados e residuos tóxicos. Non é un problema novo. Os nacionalistas xa o teñen denunciado en máis dunha ocasión, pero a situación a día de hoxe presenta se cabe maior urxencia debido ó estado no que está.
O BNG xa presentou unha iniciativa para o seu debate no Parlamento referida a este asunto, na que pon de manifesto o enorme risco que isto pode supoñer, polo que pide que se leve cabo unha actuación con urxencia para evitar unha posible catástrofe medioambiental, non só para Lousame, senón para toda a comarca.
Entre outras cuestións os nacionalistas instan a Xunta a que esixa á empresa concesionaria da mina a executar medidas de prevención e reparación da balsa, se proceda tamén á retirada dos residuos alí acumulados polo risco que comportan e se suspenda temporalmente de actividade á firma mentres non presente un proxecto de explotación completo, ó que se xunte tamén a solicitude de inicio da tramitación da avaliación de impacto ambiental.