A alcaldesa de Lousame defende as actuacións no Museo Mineiro de San Finx

LOUSAME> A alcaldesa de Lousame saíu ó paso das críticas formuladas dende a agrupación socialista sobre a falla de mantemento do poboado mineiro de San Finx. Teresa Villaverde indicou que algunhas instalacións resultaron danadas tralos recentes temporais pero que o concello xa está traballando na súa reparación.

As críticas socialistas sobre o mal estado en que se atopa a contorna do museo mineiro de San Finx non foron ben recibidas polo equipo de goberno. A alcaldesa de Lousame negou que se deba á falla de mantemento e indicou que os temporais dos últimos meses causaron danos nalgunhas instalacións como a varanda de madeira que discorre á beira do río, o concello ía reparando os treitos danados pero finalmente optou por substituída por outra metálica de maior duración.

Con respecto ós accesos, a alcaldesa indicou que a obra para executar a mellora dende A Gandarela permanece paralizada por mor dunha denuncia particular.

Villaverde defende tamén outras actuacións desenvolvidas na zona como os desbroces ou a substitución dos deshumidificadores por outros industriais para minimizar as humidades.