Unha vaga de roubos atemoriza ós veciños de Lousame

LOUSAME> Preocupación en Lousame ante a vaga de roubos que nas últimas semanas se están a rexistrar na parroquia de Tállara. Ademais de entrar na igrexa e no estanco, os ladróns accederon a varias vivendas; nalgúns casos cos propietarios no interior.

A intranquilidade dos primeiros días cando só se rexistraban pequenos furtos en vehículo foi dando paso ó medo. Esta é a palabra máis repetida entre os veciños da parroquia de Tállara, en Lousame, que nas últimas dúas semanas converteuse en obxectivo dos ladróns.

Os ladróns accederon ó interior de varias vivendas levando consigo cartos e obxectos de valor. Nunha ocasión, perpetraron o roubo mentres a propietaria da vivenda, de avanzada idade, durmía. O estanco tamén foi vítima dos cacos que levaron consigo o tabaco e case toda a mercadoría.

Esta situación de inseguridade levou ós veciños a mudar os seus hábitos pechando a cal e canto as portas que antes permanecían abertas. Dende o concello xa solicitaron unha xuntanza coa subdelegación do goberno para reforzar a presenza policial antes de que a situación tome un cariz aínda máis grave.

Polo momento, a investigación continúa aberta e aínda que os veciños sospeitan quen pode estar detrás destes roubos non se aventuran a acusar sen probas. O que si teñen claro é que se trata de bandas organizadas que vixían previamente ás vítimas e non actúan a cegas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí