Poio reactiva o seu San Xoán ante a boa evolución da pandemia

POIO> A situación sanitaria permítelle a Poio gozar este ano dunha programación do San Xoán máis ampla ca do 2020. O Concello deseñou un variado programa que busca dinamiza-la actividade social e cultural da parroquia de San Xoán e tamén do resto do municipio. Entre as propostas salientan as actuacións musicais de Susana Seivane ou Nelson Quinteiro. Tampouco faltará a clásica recollida de herbas do San Xoán. Iso si, este ano, con grupos reducidos.

A maxia do San Xoán volve a Poio neste 2021. Ante a evolución positiva da pandemia, o Concello deciciu organizar un programa que cualifican de ‘amplo e versátil’. Din que do que se trata é de dinamiza-la actividade social e cultural na parroquia de San Xoán, pero tamén no resto do municipio.

Entre esas propostas, os concertos de Susana Seivane, Lucía Pérez ou Nelson Quinteiro, que hoxe non quixo perde-la presentación dos actos. Completan o programa actividades infantís ou a actuación da Escola de Acordeóns de Campelo.

Tampouco faltará a tradicional recollida de herbas do día 23 de xuño, como sempre da man da Asociación Ronsel. Este ano, con dúas quendas e un máximo de 25 participantes por grupo.

Do que si terá que prescindir Poio polo de agora é da gran fogueira que se organizaba sempre aquí na Seca, da súa multitudinaria sardiñada e tamén das verbenas que animaban estas festas. No concello confían en que de cara a 2022 eses actos se reincorporen ao programa e que os veciños vivan por todo o alto a súa festa máis senlleira.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí