Pilar Nos, experta en enfermidades inflamatorias intestinais: ‘Os últimos fármacos cambiaron radicalmente o xeito de tratar os pacientes. É máis rápido e precoz’

PONTEVEDRA> Nova xornada do ciclo “Pontevedra, quen pasa? Seis expertos en saúde, seis meses”. Desta volta, a iniciativa organizada polo servizo de Aparello Dixestivo da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a través do grupo de investigación Idara trouxo ata a cidade a Pilar Nos, xefa do servizo de Medicina Dixestiva do Hospital La Fe de Valencia e unha das maiores expertas españolas en enfermidade de Crohn e colite ulcerosa. Nos defendeu a importancia do diagnóstico precoz.

Entre 36.000 e 43.000 mil pacientes en toda España padecen unha enfermidade inflamatoria intestinal.

Para falar sobre elas estivo onte e hoxe en Pontevedra Pilar Nos, xefa do servizo de Medicina Dixestiva do Hospital La Fe de Valencia e unha das maiores expertas a nivel estatal. Participou en dúas conversas, unha con público xeral e outra con profesionais, destacando a importancia de visibilizar estas patoloxías.

Dor, perda de peso, diarreas frecuentes ou sangrado rectal son algúns dos síntomas que nos poden indicar a presenza destas enfermidades. Tamén que existan antecedentes na familia. Ante estas sinais de alarma é fundamental recorrer aos profesionais.

A pesares de que existe unha base xenética recoñecida, tanto Nos como Carpio sinalan a importancia dos factores ambientais á hora de que aparezan estas patoloxías. Os nosos hábitos e ritmos de vida, pasan factura.

Os expertos alertan tamén da información non controlada e non profesional que poden atopar os pacientes a través de Internet. Sobre todo no que se refire ás dietas milagrosas.

Con todo, Pilar Nos destaca os avances que se deron nas últimas décadas á hora de diagnosticar e de tratar estas enfermidades. Mellorando a calidade de vida dos pacientes.