O sector cultural xera na área de Pontevedra máis emprego que a hostalería e a construción

PONTEVEDRA> A cultura presume de forza en Pontevedra. O sector xera na cidade e na súa área preto de 2.200 empregos, situándose en segundo lugar de importancia tan só detrás do da función pública. Este é un dos datos que recolle o informe presentado esta mañá que o concello de Pontevedra encargou a un grupo de investigadores da Universidade de Vigo, para coñecer a situación do sector cultural e deseñar as políticas do futuro.

O sector cultural de Pontevedra e da súa contorna está en boa forma. A día de hoxe xera preto de 2.200 postos de traballo. Deles, 1410 son autónomos. Unhas cifras que o sitúan como un dos piares no produto interior bruto da comarca.

Non só xera postos de traballo, tamén riqueza. En Pontevedra e na súa contorna hai 80 empresas que se dedican á creación literaria, musical ou artística, pero tamén a actividades como a distribución e a edición. Só estas compañías facturan 157 millóns de euros ao ano e xeran un valor engadido de 40 millóns.

Estes datos son tan só unha pequena parte do informe presentado esta mañá no concello de Pontevedra e elaborado polo grupo de investigación G4 Plus da Universidade de Vigo. Un documento que servirá como ferramenta ao goberno local para deseñar as políticas culturais.

Máis aínda cando Pontevedra destaca como unha das cidades galegas con maior actividade cultural permanente. Segundo se recolle no estudo, o municipio conta con 48 eventos culturais de carácter anual.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí