O verán arranca en Sanxenxo con altas expectativas e confiando en que a covid se manteña estable

SANXENXO> Comezou o verán nas Rías Baixas. Fíxoo con pouco sol e temperaturas frescas, pero con boas expectativos en canto a turismo. No concello de Sanxenxo agardan que a tempada sirva para remonta-la crise xerada pola covid. Confían en que o verán non deixe un repunte de casos na vila, grazas ao avance da campaña de vacinación.

Mirando para a praia non se nota moito, pero si se ollamos para o paseo de Silgar. Os primeiros turistas gozan xa de Sanxenxo neste arranque do verán de 2021. Será unha campaña atípica, marcada de novo pola covid, pero cunhas expectativas moito máis altas ca no ano anterior.

En Sanxenxo falan dun verán esperanzador, despois de meses moi duros marcados pola covid e as restricións. Din estar confiados en que a campaña estival non deixe un repunte de casos na localidade, grazas ao avance da vacinación e ao sentido común dos visitantes.

No concello xa teñen todo a punto para a tempada estival. Algúns areais contarán xa dende esta semana con socorristas. O que non haberá este ano nas praias de Sanxenxo son estacas ou informadores. No concello entenden que desta volta xa non son precisos. Tampouco se establecerán capacidades máximas.

Uns areais en perfectas condicións cunha calidade, din no Concello, que vén abalada polas 17 bandeiras azuis que ondean este ano no municipio.

Os distintivos foron recollidos polo alcalde de Sanxenxo a finais da Semana pasada nun acto celebrado nas illas Cíes.