PONTEVEDRA> A Consellería de Sanidade quere poñer cerco ao gromo de covid19 detectado entre estudantes de bacharelato de toda Galicia que viaxaron a Mallorca no final do curso. Nunha reunión extraordinaria, o subcomité clínico decidiu que todos os que participaran serán considerados contactos estreitos, polo que terán que gardar corentena ata facer as probas pertinentes. O abrocho preocupa especialmente na cidade de Pontevedra: xa son alomenos 30 os positivos detectados.
Alomenos 30 positivos en Pontevedra e 50 en toda Galicia polo gromo con epicentro en Mallorca. A covid19 estendeuse entre a rapazada que coincidiu na illa balear para celebrar o fin de curso.
A maioría dos novos positivos son da variante delta, aínda que tamén os hai que se corresponden coa británica. Pontevedra está a ser a cidade máis afectada, pero tamén se detectaron casos en Lugo, Ourense e Vigo relacionados con estas viaxes. Ademais, hai outras comunidades autónomas afectadas.
A preocupación levou ao subcomité clínico a reunirse de xeito extraordinario. Os expertos decidiron considerar a todos os rapaces que viaxaron a Mallorca como contactos estreitos, polo que terán que gardar corentena ata ser contactados pola Central de Seguimento. Sanidade traballa cos centros educativos para localizar outras viaxes á illa, tendo en conta que estas actividades foron organizadas de xeito particular polo alumnado.
Sanidade pide precaución e recomenda que se cancelen as viaxes a Mallorca previstas nos vindeiros días.
Dende o mércores o Servizo Galego de Saúde está a realizar un cribado para 510 alumnos de segundo de bacharelato dos centros Sánchez Cantón, Sagrado Corazón e Xunqueira 1 e 2 de Pontevedra e do SEK Atlátnico, en Poio.