PONTEVEDRA> As demandas das Policías Nacional e Local volverán estar presentes no vindeiro pleno de Pontevedra. Será a través dunha moción do Partido Popular. Desta volta, a formación céntrase en dar pulo a dúas vellas reclamacións dos dous corpos: a renovación das comisarías, para contar con instalacións dignas e modernas.
O Partido Popular de Pontevedra volverá reclamar no pleno municipal condicións e instalacións dignas para a Policía Local da cidade. Farao a través dunha moción que demanda a posta a punto da comisaría actual do corpo, situada no Pazo da Cultura.
Tamén reclamarán no pleno un aumento do cadro de persoal, maior presenza de patrullas a pé para mellorar a seguridade cidadá ou mellorar os medios materiais dos que dispoñen os axentes e os vehículos policiais. Todas elas, recordou Pardo, cuestións que se recolleran nun acordo plenario adoptado por unanimidade o 20 de xaneiro de 2025.
A preocupación dos populares pola Policía Local esténdese tamén á Nacional. Denuncian que o Goberno estatal abandonou o proxecto da nova comisaría para este corpo. Recordemos que en outubro de 2024 se falara da posibilidade de trasladar as instalacións á antiga Casa do Mar de Mollavao.
Ante esta situación, os populares reivindican unha solución urxente para a comisaría, un edificio que consideran obsoleto e con importantes deficiencias, como problemas de iluminación, vestiarios que carecen de condicións de salubridade, sen zona de descanso para persoal ou unha oficina de denuncias que tan só conta cun biombo de separación entre postos.











