A rapazada pontevedresa aprende a moverse en bici pola cidade

PONTEVEDRA> A rapazada de Pontevedra fórmase en educación viaria. Esta mañá un grupo de alumnos do colexio de Barcelos percorreu a cidade en bicicleta, dentro dunha campaña que busca ensinarlle aos máis novos o modelo de mobilidade amable da cidade. Despois dunha parte teórica, botáronse á rúa, onde puxeron en práctica as normas básicas de circulación e tomaron nota das infraccións que non se deben cometer.

A praza do concello de Pontevedra foi a meta deste grupo de sexto de primaria do colexio de Barcelos. Esta mañá botáronse á rúa para poñer en práctica a formación viaria que recibiron nunha campaña coordinada pola Policía Local. O obxectivo, que a rapazada coñeza o modelo de mobilidade amable da cidade e o poña en práctica.

E a rapazada comezou a pedalear coa lección ben aprendida. Entre os aspectos que máis destacan, saber por onde se pode circular e o uso do casco.

Os profes que participaron esta mañá na actividade tamén tomaron boa nota dalgunhas normas que, co paso do tempo, se nos van esquecendo. Entre os despistes máis habituais, circular polas beirarrúas ou cruzar montados na bici os pasos de peóns.

Á súa chegada á praza de España agardaba por eles o alcalde da cidade. Para Lores, é vital que os mozos aprendan as normas canto antes para poder moverse por Pontevedra dun xeito seguro.

Ademais do colexio de Barcelos, nesta iniciativa xa participou o alumnado do San Xosé e de Monte Porreiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí