O concello quere recuperar a unanimidade na corporación para non frear o PIA de San Amaro

PONTEVEDRA> O goberno local de Pontevedra quere recuperar a unanimidade da corporación ao redor do PIA de San Amaro. Hoxe o edil de urbanismo anunciou que o BNG presentará unha emenda á moción do PSOE, que pide que se reformule o proxecto e que conta co apoio do PP. Coa súa proposta, os nacionalistas queren evitar atrancos no desenvolvemento deste proxecto, que ven clave para a cidade. Nela tamén piden compensacións xustas para os veciños que se vexan afectados polas expropiacións.

O vindeiro luns haberá pleno en Pontevedra cun punto destacado na orde do día. A corporación debaterá sobre o PIA de San Amaro, o proxecto da Xunta que pretende construír máis de 2.000 vivendas na cidade, o 80% delas de carácter público. A cuestión volve a pleno trala proposta do PSOE que pide que se reformule o proxecto e que conta co apoio do PP.

O posicionamento de PSOE e PP chega tralas protestas dos veciños que se verán afectados polas expropiacións. O BNG presentará unha emenda de substitución a esta moción, coa que busca recuperar a unanimidade da corporación sobre este PIA.

Ao tempo, os nacionalistas trasladan o seu apoio aos afectados, sobre todo aos propietarios das 13 vivendas que serán expropiadas. Reclaman á Xunta que os compense como corresponde.

Oubiña asegurou tamén que o concello mantén un diálogo constante coa Xunta para atopar unha solución a este conflito.