Aparecen pintadas homófobas nunha vivenda en Cabo de Cruz

BOIRO> Ataque homófobo en Cabo de Cruz. Esta fin de semana aparecían diversas pintadas ofensivas na casa dun veciño desta localidade boirense. Os ‘motivos’? Poñer unha bandeira LGTBI+ pendurada dunha das fiestras da súa casa.

Con estas pintadas de ‘Maricón’, ou ‘Casa do maricón’ é como aparecía a vivenda dun veciño de Cabo de Cruz esta pasada fin de semana. Detrás do ataque parece estar o feito de que este veciño pendurase dunha das fiestras da súa casa unha bandeira arcoiris para conmemorar o Día Internacional do Orgullo.

Tamén aparecía a palabra España, e as cores da bandeira nacional.

Lonxe de calar e borralas, a súa reacción foi totalmente a contraria, decidiu facer unhas fotos e compartilo a través das redes sociais para que todos visen o acontecido. Ó pouco xa recibiu multitude de apoios, mostrando o total rexeitamento a este tipo de condutas impropias desta época, a favor do respecto e en contra da intolerancia.

Unha delas a do propio Concello, que esta mañá decidiu pintar un novo paso de peóns coas cores da bandeira LGTBI+. E que mellor lugar para facelo que a carón da casa na que aparecían as pintadas.

Os feitos foron denunciados xa na Garda Civil, que abriu unha investigación para dar co posible autor ou autores dos mesmos. Todo apunta a unha falcatruada.

Pero a pregunta que todos nos facemos é como é posible que a día de hoxe poidan seguir pasando estas cousas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí