PONTEVEDRA> A partires do sábado, a cidade de Pontevedra entrará no nivel medio de restricións. A día de hoxe conta con 124 casos activos, 18 máis que na xornada anterior. A gran maioría están vencellados co macrogromo rexistrado en Mallorca, no que se infectaron centos de mozos e mozas que estaban na illa de excursión de fin de curso. Por iso dende a hostalería e o ocio nocturno pontevedreses non entenden por que teñen que pagar os seus negocios un problema xerado noutra autonomía.
Cando comezaban a ver a luz ao final do túnel, o macrogromo de Mallorca rematou de golpe coas súas esperanzas.
O incremento dos casos de covid19 polos contaxios na illa leva á cidade de Pontevedra ao nivel medio de restricións este sábado. Non haberá límites na mobilidade nin nas reunións, pero si se botan por terra os plans de reapertura dos locais de ocio nocturno.
Onte o alcalde de Pontevedra aseguraba que o incremento das restricións por este gromo fai que ‘paguen xustos por pecadores’. Tampouco os hostaleiros pontevedreses entenden por que teñen que sufrir os seus negocios as consecuencias dos desmáns noutras autonomías.
Un novo varapau que volve deixar ao ocio nocturno ao borde do precipicio.
As restricións supoñen tamén novas limitacións para bares e restaurantes. As súas capacidades reduciranse ata un 30% en interior e un 50% en terraza. Unhas medidas que, como mínimo, estarán vixentes unha semana.