Catorce librarías de Pontevedra bótanse á rúa na Festa dos Libros

PONTEVEDRA> Esta fin de semana, Pontevedra recupera a súa Festa dos Libros. Tralo parón do ano pasado pola covid19, 14 librarías da cidade volven unirse para sacar os seus libros ata a Praza da Ferrería. Unha proposta que se completa con coloquios, sinaturas dos autores e actividades para os máis cativos.

Esta fin de semana pasear pola Ferrería é como facelo por unha gran libraría. A praza é dende hoxe e ata o domingo o escenario dunha nova edición da Festas dos Libros.

Dende esta mañá 14 libreiros e libreiras botáronse á rúa con parte dos seus catálogos para achegarse aos lectores.

A pesares da chuvia non agochaban a súa alegría por estar a celebrar unha nova edición desta Festa dos Libros. A cita freouse o ano pasado por mor da pandemia, pero este ano volve disposta a demostrar que a cultura é segura.

A acollida foi inmellorable. Dende primeira hora a carpa encheuse cos lectores percorrendo os stands e a cativada gozando das primeiras actividades.

A ampla oferta de libros complétase con outras propostas. Coloquios e charlas con autores, sinaturas de obras, actuacións musicais e actividades para os máis pequenos enchen a programación coa que os libreiros e libreiras pontevedreses queren converter a fin de semana nunha auténtica Festa dos Libros.