Ribeira prepárase para unha nova edición da súa Mostra de Títeres

RIBEIRA> Cinco compañías participarán este ano na mostra de títeres de Ribeira. A actividade, que chega este ano á súa décimo primeira edición, desenvolverase ó longo de todo o mes de abril. Trátase xa dun clásico na programación cultural de Ribeira que chega este ano á súa décimo primeira edición. A mostra de títeres ‘Titiritando de Emoción’ achegará ata Ribeira a un total de cinco compañías de monicreques que representarán os seus espectáculos durante os sábados do mes de abril. A maiores a presente edición traerá consigo algunha que outra novidade como o feito de programar dúas sesións ó aire libre, na praza do Concello, que servirán para abrir e pechar este ciclo infantil de teatro. Tódalas funcións desenvolveranse no auditorio municipal, os sábados ás sete da tarde. A entrada é de balde pero será preciso retirar a invitación media hora antes do inicio da función.