PONTEVEDRA> Difusión Felina lanza un SOS. Con máis de 70 gatos ao seu cargo, a asociación pontevedresa está ao límite, tanto de espazo como dos seus recursos económicos. Piden axuda e colaboración tanto da cidadanía como do concello de Pontevedra para poder seguir rescatando.
Presentámoslles a Fétido, Curry ou Sandía e Kiwi, nai e filla que buscan unha familia que as adopte xuntas. Eles son algúns dos gatos que atende na actualidade a asociación Difusión Felina. E todos teñen unha historia que contar.
Con máis de 70 gatos ao seu cargo, a asociación atravesa un momento moi duro. Non teñen refuxio, polo que a súa capacidade depende da rede de casas de acollida que levan anos tecendo, pero que na actualidade está máis que saturada.
Por iso lanzan un SOS á poboación. Precisan xa non só de recursos económicos. Tamén de fogares de paso para poder seguir rescatando.
Reclaman ademais a implicación do concello de Pontevedra. A asociación está composta por voluntarios que prestan un servizo que a cidadanía demanda, pero non contan con ningún convenio ou axuda da administración local.
Unha colaboración que precisan con urxencia. Para que historias como as de Pin e Pon ou Sintra e a súa prole, Faro, Aveiro, Oporto e Coímbra, poidan seguir tendo finais felices.