Cero plásticos e consumo responsable: a aposta dunha emprendedora vilagarciá en Pontevedra

PONTEVEDRA> Eliminar o plástico do noso consumo diario é posible. E así nolo quere demostrar Yolanda García, unha emprendedora vilagarciá que abriu en Pontevedra unha tenda de produtos a granel. En Desnuda podemos atopar dende produtos de alimentación a outros de hixiene persoal ou para o fogar. Sempre coa filosofía de residuo cero.

Cando entramos no número 49 da rúa da Peregrina, en pleno centro de Pontevedra, adentrámonos nun espazo no que os plásticos non son benvidos. Hai unha semana que esta emprendedora vilagarciá abriu ‘Desnuda’.

O proxecto nace da propia experiencia vital de Yolanda García. Tras anos vivindo en Barcelona e viaxando co seu anterior traballo no xigante Inditex, coñeceu en 2014 en Berlín o primeiro supermercado libre de plásticos.

‘Desnuda’ naceu primeiro en Lanzarote no 2019 pero trala pandemia e despois de pasar tantos anos alonxada da casa, Yolanda apostou por trasladarse ela mesma e á súa idea a Pontevedra.

Aquí podemos atopar de todo. Dende produtos de alimentación ata cosmética, pasando por produtos para o fogar ou reutilizables.

Todo pensado para que o noso consumo sexa máis responsable e coa filosofía de residuo cero.

Tras unha semana aberta acaba de aterrar, pero Yolanda está satisfeita coa acollida que ‘Desnuda’ está tendo en Pontevedra. Aínda que confesa que detrás do mostrador fai tamén un labor pedagóxico.

Porque si. Mudar os nosos hábitos de consumo e desterrar o plástico é posible.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí