O sacerdote salesiano acusado de abusos a menores nega os feitos na primeira xornada de xuízo

PONTEVEDRA> O sacerdote salesiano acusado de abusar sexualmente de seis menores nega os feitos. Esta mañá comezou na Audiencia Provincial de Pontevedra o xuízo na súa contra. O fiscal solicita para el penas que suman 67 anos e medio de cadea.

A Audiencia Provincial de Pontevedra xa xulga ao sacerdote salesiano acusado de abusar sexualmente de seis menores  . Atribúenselle doce delitos de abusos sexuais que se terían producido durante o verán de 2019. Algúns deles durante un campamento no colexio salesiano de Cambados.

A declaración do sacerdote celebrouse en audiencia pública. Durante unha hora respondeu ás preguntas do fiscal e da súa defensa. Negou que realizara calquera tocamento aos menores e todos os feitos dos que se lle acusa, asegurando que tiña unha relación correcta cos rapaces afectados.

As intervencións de todos os menores no xuízo realizáronse a porta pechada. Ademais a petición do Ministerio Público instaláronse biombos para evitar o contacto visual entre as vítimas e o acusado.

O xuízo continuará mañá na Audiencia Provincial. A fiscalía pide para o sacerdote 67 anos e medio de cadea, que non poida achegarse ás vítimas a menos de 250 metros e que quede inhabilitado para exercer a ensinanza. Tamén reclaman unha indemnización de máis de 80.000 euros.