O ocio nocturno poderá reabrir pero esixindo certificado de vacinación ou PCR negativa

PONTEVEDRA> En concellos como Poio e Pontevedra o ocio nocturno poderá abrir. O comité clínico decidiu onte mudar o seu criterio e os locais deste tipo que estean en municipios no nivel medio de restricións non terán que pechar. Iso si, terán que exercer un control aínda maior sobre a súa clientela. Para entrar será preciso que acrediten estar vacinados ou ter unha proba diagnóstica negativa nas últimas 48 horas.

O comité clínico abre lixeiramente a man para o ocio nocturno. Poderán reabrir estes locais nos concellos que estean no nivel medio de restricións.

Iso si, ademais de rexistrar os nomes dos clientes á entrada, contar con medidores de CO2, reducir as capacidades ao 50% no interior e vixiar o uso da máscara e as distancia de seguridade, terán unha nova tarefa: esixir certificado de vacinación ou unha PCR negativa nas últimas 48 horas a quen queira entrar.

O ocio nocturno pode abrir dende o pasado 1 de xullo nos concellos que están no nivel medio-baixo. Con este cambio, tamén o farán en Pontevedra, Poio ou Caldas, os municipios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que están no nivel medio.

Ademais, para intentar frear os botellóns, Sanidade pediu aos concellos que precinten en horario nocturno os espazos públicos nos que se seguen a celebrar. Así, prazas, praias ou parques deberán quedar pechados a partires da medianoite.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí