PONTEVEDRA> Xa poden visitar no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a exposición ‘A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía’. A mostra ofrece unha conversa sobre o estado do mundo, do clima e da situación social a través de pezas do Museo pontevedrés, da Fundación María José Jove e da Fundación Thyssen.
A mostra vira ao redor das narrativas ficcionadas e a plasticidade das fábulas e os contos que permite preservar identidades culturais e imaxinarios populares, conectarnos coa natureza e estimular a imaxinación.
Está organizada en tres salas, a modo de tres actos dun mesmo relato: imaxinación-mar, transformación-terra e renacemento aire. ‘A era das fábulas’ poderá visitarse ata o vindeiro 29 de setembro.