A Culturgal 2021 ‘desconfínase’ pero avanza na dixitalización dos contidos

PONTEVEDRA> Culturgal 2021 desconfínase. A feira cultural máis importante de Galicia volve este 2021 a Pontevedra, retomando ademais a súa aposta pola presencialidade. Iso si, os organizadores non queren esquecer a experiencia gañada na edición anterior, que foi totalmente virtual. Agora darán un paso máis na dixitalización das súas propostas, coa creación dunha canle de televisión que funcionará durante a fin de semana da feira.

A feira cultural máis grande de toda Galicia volve a Pontevedra. Culturgal prepara a súa décimo cuarta edición e faino, ademais, desconfinándose. Entre o 26 e o 28 de novembro, a cita recuperará a presencialidade, despois de que o ano pasado fora completamente virtual.

Pero Culturgal non dará as costas á experiencia adquirida durante o ano pasado. A organización quere dar un paso máis na dixitalización coa celebración de eventos híbridos. Crearán, ademais, unha canle de televisión específica.

Espazos flexibles e grupos reducidos de persoas serán dúas das premisas que marquen a celebración das distintas propostas. Haberá 114 stands dispoñibles e hoxe mesmo abriuse o prazo para realizar as reservas. Tamén xa se poden presentar ata o 15 de setembro as candidaturas para os contidos que formarán a Culturgal 2021.

A organización anunciou tamén que a Culturgal foi un dos tres eventos mellor valorados do Estado dentro da convocatira de axudas para a acción e a promoción cultural. Así, o 11 de novembro participarán en Madrid nun acto da Fundación Telefónica promovido polo Ministerio de Cultura no que se presentará o proxecto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí