A Deputación de Pontevedra leva a súa estratexia de Turismo aos 61 concellos da provincia

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra estrea nova folla de ruta para a súa aposta polo turismo. Chámase Estratexia Rías Baixas Turismo 61 e busca desenvolver un sector sustentable e respectuoso en todos os concellos da provincia. Hoxe presentouse no Palacete das Mendoza.

Concellos, sector e poboación. Son os tres piares que sustentan o novo plan para o turismo da Deputación de Pontevedra. Chámase Estratexia Rías Baixas Turismo 61 e hoxe foi presentado no Palacete das Mendoza.

A estratexia está valorada en 45 millóns de euros. O documento recolle accións concretas para atraer visitantes, reforzar atractivos singulares, promover a sustentabilidade, desestacionalizar a oferta e modernizar o destino.

Así, a estratexia está estruturada en cinco eixos, que engloban 42 liñas de acción e prevén máis de 225 actuacións concretas co 20230 como horizonte. Son ‘Rías Baixas Singular’, ‘Somos Rías Baixas’, ‘Rías Baixas Sostible’, ‘Rías Baixas única’ e un quinto eixo relacionado coa innovación no destino centrado no reforzo da formación en competencias dixitais.

O obxectivo, din dende Deputación, é consolidar e reforzar un destino que está a vivir un momento doce. Segundo López, os datos melloran as cifras do 2019, cun crecemento ata o 2024 de máis do 8%. Algo que apuntou tamén o director da Axencia de Turismo de Galicia.

Este novo plan foi redactado coas achegas do sector turístico. No acto da mañá tomaron a palabra tres representantes: o chef Javier Olleros, de Culler de Pau; Lorena Varela, xerente da Ruta do Viño Rías Baixas, e Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia.