Juan de Sola recupera a historia dun pontevedrés que sobreviviu a Mauthausen en ‘Entre los muros del olvido’

PONTEVEDRA> A vida de Ramón García Martínez, veciño da parroquia pontevedresa de Campañó que sobreviviu ao campo de concentración de Mauthausen, debúllase en ‘Entre los muros del olvido’, o último libro do xornalista Juan de Sola. Apoiado en documentación histórica, o autor reconstrúe a vivencia deste home, representación clara da historia do século XX. No proceso, Sola contou con dúas aliadas de excepción: as fillas de Ramón García, Silvana e Mayte, que o axudan no rescate dunha vida que merece ser contada.

A través da vida de Ramón García Martínez, almeriense de nacemento e pontevedrés de adopción, podemos trazar a historia da Europa de comezos do século XX.

Esta traxectoria rescátase en ‘Entre los muros del olvido’, o último libro do xornalista Juan de Sola. Tamén conta como Ramón pasou cinco anos en tres campos de concentración: Krems, Mauthausen e Ebensee. Padecendo os horrores do Holocausto.

A historia deste veciño de Campañó chega a mans de Sola polo seu editor, Carlos Fernández. Pronto, atopou dúas aliadas. As fillas de Ramón, Maite e Silvana García, abríronlle as portas da memoria do seu pai.

Comezaron un periplo que durou 12 anos e que levou ao autor mesmo a viaxar aos campos de concentración, intentando contextualizar o percorrido que facían as persoas deportadas.

En ‘Entre los muros del olvido’ hai emoción e tamén moita documentación que apoia os feitos que se contan.

Trala súa liberación, Ramón marchou para Francia. Despois, emigrou a Arxentina, onde conectou coa emigración galega. Alí casou cunha pontevedresa que faleceu ao pouco. Despois, contraeu matrimonio coa súa cuñada, natural de Campañó. Con ela tivo as dúas fillas.

Agora Juan de Sola está inmerso nunha xeira de presentacións do libro. A moitas delas vai acompañado por Maite e Silvana. Xa estiveron en Pontevedra e Vilagarcía. Mañá estarán en Sanxenxo, no concello, ás 8 da tarde. As seguintes citas serán en Caldas o día 14 e o 20 en Marín.