Cambados estreará cuartel no 2023 e pasará a ser a ‘capital’ da Garda Civil no Salnés

CAMBADOS> O novo cuartel da Garda Civil de Cambados converterá á vila na capital da compañía na comarca do Salnés. O mando da zona cambiará Vilagarcía polo concello cambadés. Esta tarde presentouse o proxecto para as novas instalación. Serán dous edificios, un de dependencias oficiais e outro de vivendas, cuxa construción comezará no segundo trimestre do 2022. Cun prazo de execución de 15 meses, as obras saíron a licitación por case 6,2 millóns de euros.

Cambados estreará cuartel da Garda Civil na segunda metade do 2023. Hai uns días as obras saíron a licitación por 6,2 millóns de euros. Teñen un prazo de execución de quince meses e, de cumprirse as previsións, os traballos comezarán no segundo trimestre de 2022.

As novas instalacións serán duns 5.000 metros cadrados construídos. O edificio de vivendas será de planta baixa e catro plantas, con catro vivendas en cada unha. En canto ás dependencias oficiais, serán de planta baixa máis dúas. A maiores, haberá unha planta soto común aos dous inmobles que ocupará case toda a parcela.

Ademais de estrear cuartel, Cambados pasará a ser a capital da Garda Civil no Salnés.

Está previsto que ás novas instalacións se trasladen ao redor de 60 efectivos, entre eles os máximos responsables da zona. Unha obra, a do cuartel, moi demandada e necesaria en Cambados.

En canto ás dependencias que ocupa provisionalmente a Garda Civil na actualidade, as do Centro Cultural da Merced, a intención do concello é repensar os usos do edificio. Nun primeiro momento recuperará o seu uso sociocultural, aínda que non desbotan trasladar ata alí as oficinas da Policía Local, situadas na planta baixa da casa consistorial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí