RIBADUMIA> O PSOE critica os retrasos que está sufrindo a recontrución da ponte nova de Pontearnelas. Denuncian a falta de compromiso da Xunta coa comarca e din que unha mostra máis é como se xestionou o arranxo desta infraestrutura. Lembran que a súa posta en uso estaba prevista para finais do ano pasado e que xa no mes de xuño, aínda está pendente de rematar. Advirten ademais dos danos que esta situación está a provocar na ponte dos Padriños, por onde se está a desviar o tráfico.
Os traballos de reconstrución da ponte de Pontearnelas, entre Ribadumia e Vilanova, seguen avanzando, pero moito máis paseniñamente do que estaba previsto. Iso é, precisamente, o que denuncian os sociliastas da comarca. Lembran que nun primeiro momento a Xunta dicía que a obra ía estar rematada a finais de 2023. Cren que esta é unha mostra máis do desleixo do goberno galego e o Partido Popular coa comarca.
O peche afecta aos concellos de Ribadumia, Vilanova e tamén, por proximidade, á veciñanza de Vilagarcía ou Cambados.
Así que os socialistas pídenlle á Xunta que poña as pilas. A súa voceira en Vilanova aproveita para pedirlle ao alcalde deste municipio que sexa tan belixerante nesta causa como, di, noutras ocasións.
Recollendo as inquedanzas dos voceiros socialistas, estivo esta mañá a deputada do PSdeG Paloma Castro, que avanza que levarán ao Parlamento unha iniciativa para que o goberno galego dea explicacións polo retraso nos traballos.
Ademais, dende o PSdeG amosan a súa preocupación polo deterioro que está a sufrir a ponte dos Padriños, a histórica infraestrutura que nestes momentos está a soportar o paso de todo tipo de vehículos, no tempo que a ponte nova continúa pechada.











