O BNG reclama maior implicación da Xunta para garantir a viabilidade da planta de residuos de Lousame

LOUSAME> O BNG levará ó Parlamento unha iniciativa non de lei coa que pretende instar á Xunta de Galicia a establecer liñas de colaboración coa Mancomunidade Serra do Barbanza para garantir a viabilidade do sistema de recollida e tratamento da planta de residuos de Lousame.

Os nacionalistas tamén reclaman unha maior implicación por parte do Goberno Galego na dotación dos medios materiais necesarios para a modernización e mellora deste complexo medioambiental e se abandone a idea de transformalo nunha planta de transferencia integrada en Sogama.

Varios membros do BNG a nivel comarcal, xunto cos deputados Rosana Pérez e Luís Bará, mantiveron esta mañá unha xuntanza con representantes do comité de empresa da planta de Lousame que xestiona a mancomunidade Serra do Barbanza. Ademais de recoller as principais demandas dos traballadores, o encontro serviu para reforzar a aposta que o BNG fai por este sistema de tratamento do lixo baseado na recuperación e na reciclaxe.

No ano 2023 concluirá o contrato de xestión desta planta, e os nacionalistas temen que a idea da Xunta pasa por transformar o complexo actual nunha planta de transferencia integrada en Sogama.

Os nacionalistas tamén criticaron a xestión e a pouca implicación con este proxecto por parte dos gobernos municipais do Partido Popular que integran a Mancomunidade, poñendo o exemplo do último mandato á fronte da entidade do alcalde de Porto do Son, Luís Oujo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí