PORTO DO SON> As conselleiras de Medio Ambiente e Mar, xunto co decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos asinaban esta mañá en Porto do Son o convenio que permitirá a redacción deste novo manual.
Este é o momento no que as conselleiras de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e Mar, Rosa Quintana, e o decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, Enrique Urcola, procedían á sinatura do convenio de colaboración para a redacción dunha guía de boas prácticas para mellorar a integración paisaxística dos máis de 120 portos autonómicos, incluído no Plan Estratéxico da Paisaxe Galega 2021-2024.
No novo manual recolleranse as recomendacións básicas, para evitar o impacto na paisaxe das instalacións portuarias.
E para a firma do convenio escolleuse ademais Porto do Son, onde a Xunta está a realizar unha actuación a gran escala cun orzamento de preto dos cinco millóns de euros, que persegue precisamente a a humanización do borde portuario da vila.
Os traballos para a redacción da guía, cun investimento duns 40 mil euros, iniciaranse xa este mesmo ano cunha diagnose do estado actual das instalacións portuarias. As previsións pasan fundamentalmente por poder dispoñer desta guía xa de cara á vindeira anualidade.