Os cativos achéganse á robótica co Ponteverán

PONTEVEDRA> Pontevedra aposta polas novas tecnoloxías nos seus obradoiros do Ponteverán. Impresión 3D, Robótica ou programación de videoxogos son algunhas das propostas, que esgotan prazas en cada convocatoria. Hoxe estivemos cos alumnos do obradoiro de robótica que se está a celebrar na Casa da Luz.

Para persoas alleas á robótica podería parecer case cousa de maxia, pero para as novas xeracións é practicamente un xogo de nenos.

Robots que seguen liñas, que detectan obstáculos ou que diferenzan a intensidade da luz. Hai tan só uns anos moita desta tecnoloxía estaba reservada para laboratorios de alto nivel. Agora está ao alcance dos máis cativos.

Neste obradoiro a rapazada aprende a través da experiencia, o clásico método científico de ensaio/erro. Demostrando as posibilidades da robótica na educación.

A actividade enmárcase no programa Ponteverán. Os obradoiros tecnolóxicos son os máis populares.

Grazas a eles, 70 nenos e nenas recibirán nocións de impresión 3D, programación de aplicacións, realidade virtual, robótica e programación de videoxogos.

Unha aposta que facilita a conciliación familiar nestes tempos de verán, mentres os cativos entran en contacto coas novas tecnoloxías e aprenden a partir da práctica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí