PONTEVEDRA> A Asociación Española Contra o Cancro celebrou hoxe en Pontevedra o Día da Cuestación. Unha xornada dedicada a concienciar sobre a enfermidade, a mobilizar á cidadanía e a recadar fondos para contribuír a manter os servizos que a entidade ofrece a doentes e ás súas familias. Tamén para apoiar á investigación cun obxectivo claro: acadar o 70% de supervivencia nesta enfermidade no 2030.
Cos seus máis que recoñecidos petos de cor verde, a Asociación Española contra o Cancro volveu mobilizar á cidadanía de Pontevedra fronte á enfermidade.
Baixo o lema ‘Cando paras, movémonos contra o cancro’, máis de 250 voluntarios percorerron as rúas da cidade no Día da Cuestación. Unha xornada dedicada a recadar fondos cos que contribuír a impulsar a investigación oncolóxica e a atención ao paciente e á súa contorna.
Porque a asociación ofrece múltiples servizos aos enfermos de cancro e ás súas familias. Todos de xeito completamente gratuíto.
O cancro continúa a ser o problema sociosanitario máis importante do mundo: 1 de cada 2 homes e 1 de cada 3 mulleres padecerano ao longo da súa vida. Para a Asociación Española contra o Cancro, o obxectivo é acadar o 70% de supervivencia nesta enfermidade no 2030.
Dende a asociación recalcaron tamén a importancia da investigación, o apoio e a prevención. Apuntan que o fomento de hábitos de vida saudables pode contribuír a evitar ata o 40% dos casos de cancro.











