PONTEVEDRA> O alcalde de Pontevedra esixe a Partido Popular e ENCE que se desculpen coa cidadanía polo boicot ao pregón das Festas da Peregrina o pasado sábado. Segundo Miguel Anxo Fernández Lores, o sucedido foi un acto e violencia premeditado e planificado, e anunciou que porán as imaxes a disposición da Fiscalía, á que tamén demandou que actúe de oficio.
Para o alcalde de Pontevedra os incidentes do sábado protagonizados por un grupo de traballadores de ENCE durante o pregón das Festas da Peregrina foron premeditados.
Miguel Anxo Fernández Lores non dubida tampouco á hora de sinalar responsables. Asegura que Partido Popular e a propia ENCE están detrás das protestas.
Para o rexedor, a situación actual da empresa a raíz da sentenza da Audiencia Nacional que declarou ilegal a prórroga concedida por Mariano Rajoy é resultado dun fracaso na xestión da propia pasteira e do Partido Popular, por non buscar unha localización alternativa.
Fernández Lores criticou tamén o comportamento de varios edís do Partido Popular tralos incidentes do sábado, cando se deixaron ver vestindo os chalecos amarelos dos traballadores.
A Policía Local de Pontevedra está a analizar os feitos para trasladar o atestado á Fiscalía, aínda que dende o goberno local consideran que o Ministerio Público debería actuar de oficio.