O PP de Pontevedra propón que o aumento no orzamento da Deputación se destine aos concellos

PONTEVEDRA> O PP de Pontevedra propón que o aumento no orzamento da Deputación se destine directamente aos concellos da provincia. Os populares calculan que o goberno provincial vai recibir 7 millóns de euros máis este ano, polo incremento da recadación do executivo central. Ademais, tamén piden que a Deputación recupere o fondo financeiro de anticipos. Esta mañá presentaron estas dúas iniciativas para que debatan no pleno provincial deste venres.

Co foco posto nos concellos medianos e pequenos da provincia de Pontevedra, o PP reclama que o aumento que a Deputación vai recibir a través dos tributos do Estado repercutan directamente nos municipios. Din que se pode destinar íntegro ao Plan Concellos.

Estaríamos falando, polo tanto, duns 7 millóns de euros. Poderíase destinar, din os populares, ao mantemento de servizos básicos que asumen os concellos, como o mantemento do alumeado ou da rede viaria municipal. Ademais, Cubela recordou que a sobre recadación no Goberno central non se produce pola mellora da situación económica, senón polo incremento da presión fiscal.

Os populares levarán esta proposta ao Pleno provincial deste venres. Tamén outra iniciativa, na que reclaman a recuperación do fondo financeiro de anticipos para os concellos de menos de 50.000 habitantes, unha ferramenta suprimida polo goberno provincial bipartito.

Os populares consideran estas dúas propostas ‘construtivas’. Pídenlle ao goberno provincial que as estude para que sirvan aos concellos para non ter que prescindir de ningún servizo municipal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí