Conservas de Cambados mellora as súas instalacións grazas ás axudas da Xunta para melloras de eficiencia enerxética

RIBADUMIA> A xunta de Galicia inviste máis de 20 millóns de euros en proxectos empresariais do sector do mar para mellorar a eficiencia enerxética e o coidado do medio ambiente. Un total de 57 empresas beneficiáronse en Galicia destas axudas. Entre elas Conservas de Cambados, dende a factoría destacaron a importancia desta colaboración para renovar a súa maquinaria e mellorar a produción.

A conselleira do mar e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitaron esta mañá a factoría de Conservas de Cambados, unha das fábricas beneficiadas polas axudas europeas destinadas ás empresas do sector do mar para mellorar a eficiencia enerxética e o coidado do medio ambiente.

Entre todos os proxectos presentados a estas axudas, cumpriron todos os requisitos un total de 57 empresas, o que supuxo un investimento de máis de 20 millóns de euros.

Conservas de Cambados recibiu 80 mil euros en axudas para dous proxectos. Un para a mellora da eficiencia e o aforro enerxético das instalacións e o outro para implantar un novo sistema de equipamento informático. Dende a factoría destacaron a importancia destas axudas para seguir mellorando.

A empresa xa prepara as solicitudes do vindeiro ano, como un circuíto pechado de auga do mar para limpar de forma natural a area que portan os berberechos.