PONTEVEDRA> En Pontevedra, novo acordo entre BNG e PSOE para sacar adiante unha nova modificación de crédito, a máis elevada da historia do concello. Deste xeito, incorporaranse ao orzamento máis de 28,5 millóns de euros, acadando a cifra de 127,15 millóns. Son cartos que se destinarán principalmente a investimentos. O acordo foi posible grazas á incorporación nas contas de diferentes proxectos propostos polos socialistas por valor de máis de 5 millóns de euros.
Novo acordo entre BNG e PSOE para sacar adiante unha modificación de crédito no concello de Pontevedra. Trátase da máis elevada da historia e permitirá sumar ao orzamento municipal máis de 28,5 millóns de euros, superando os 127 millóns.
Neste pacto orzamentario hai varias medidas propostas polos socialistas. Foron unha trintena valoradas en máis de 5 millóns de euros. Entre elas, a reforma integral da Praza de Pasarón, a apertura dos xardíns da Uned en Monte Porreiro, a reposición de herba artificial nos campos de fútbol do Complexo Manolo Barreiro, a creación dun novo parque entre Ernesto Caballero e as vías do tren ou a restauración ecolóxica do Gafos entre Rosalía de Castro e As Corbaceiras.
A partida máis elevada desta modificación de crédito, ata 5,5 millóns, destinarase á rehabilitación estrutural de firmes en estradas de todo o municipio. Tamén haberá 1,55 millóns para actividades deportivas, principalmente o Mundial de Tríatlon, 1,27 millóns para reforzar as áreas de cultura e festas ou 680.000 para promoción económica. Tamén se empregarán 7,71 millóns de euros para amortizar toda a débeda municipal.
Esta modificación de crédito realízase de xeito íntegro con remanentes de tesourería. Así as cousas, aínda quedan outros sete millóns. A intención é aprobar este acordo no pleno de xuño, que se celebrará o día 23.
Sobre o posicionamento do PP
Esta modificación de crédito será aprobada cos votos a favor de BNG e Partido Socialista. Non se sabe cal será o posicionamento do Partido Popular. S
egundo o goberno local, a pesares de que se dirixiron a eles para convidalos a facer achegas á propostas, non recibiron resposta.
Pola súa banda, dende as filas populares explican que aínda que tiveron conversas, non coñecen en detalle as contías e os proxectos que recolle esta modificación.











