PONTEVEDRA> A Xunta de Galicia intentará que as obras de rehabilitación do Pazo de Lourizán, en Pontevedra, dean comezo a finais deste ano ou a principios de 2026. Así o confirmou esta mañá o presidente autonómico nunha visita que realizou á finca co estudo de arquitectura gañador do concurso para a súa recuperación integral. O proxecto contempla a transformación do edificio central nun hotel de catro estrelas, así como o acondicionamento doutras construcións da finca. O orzamento rolda os 15 millóns de euros.
Que a rehabilitación do Pazo de Lourizán poida estar en marcha a finais de este ano ou a principios do 2026 é o obxectivo que se marca a Xunta de Galicia.
Hoxe Alfonso Rueda visitou as instalacións. Fíxoo acompañado da arquitecta Carme Pinós, do estudo gañador do concurso para a recuperación integral do espazo.
A intención é que o proxecto gañador, Xard1n 2.0, permita recuperar e transformar o conxunto da Finca de Lourizán. A máis importante será a actuación no edificio central, que pasará a acoller un hotel catro estrelas, un restaurante e unha área de exposicións na planta baixa.
Así as cousas, Rueda insistiu en que o Pazo de Lourizán continuará a ser unha referencia en materia forestal.
Ademais, construirase un novo pavillón polivalente de case 600 metros cadrados, a antiga Escola de Capataces habilitarase para acoller espazos de coworking e unha residencia de investigadores, e no lagar situaranse as oficinas do sector forestal. O orzamento inicial que calcula a Xunta de Galicia supera os 15 millóns de euros.











