Pontevedra programa máis de 300 actividades para as súas festas de verán

PONTEVEDRA> O verán en Pontevedra será todo un festival. O comezo da Festa dos libros o vindeiro 7 de xullo marca o inicio dunha intensa programación cultural e lúdica que non terá parada ata o 2 de setembro, Feira Franca. Repiten propostas como o Senda Fest, Aquí Cántase, Itineranta ou o Festival Internacional de Jazz. Pero o epicentro da programación será as Festas da Peregrina. Do 12 ao 20 de agosto actuarán na cidade Vanesa Martín, La MODA, Pimpinela ou Mago de Oz, entre outros.

Esta pulsera que acompaña o programa das festas de verán de Pontevedra xa nos dá unha pista: toda a cidade converterase nun gran festival.

O inicio do Pontevedra Verán Fest márcao o 7 de xullo a Festa dos Libros. Dende entón, citas xa imperdibles como o Senda Fest, de música electrónica, que se traslada este ano aos terreos de Tafisa, Cinema e estrelas, o vixésimo cuarto Memorial Ricardo Portela, os monicreques do Titirivedra ou a maxia do Itineranta, encherán as rúas da cidade.

Unha ampla programación que se estenderá por todos os barrios e parroquias e que terá en agosto a semana máis agardada do ano para os pontevedreses: as Festas da Peregrina. Vanesa Martín, La M.O.D.A., Cruz Cafuné, Pimpinela, Mago de Oz ou Baiuca actuarán entre o 12 e o 20 de agosto na Praza de España.

Con Voz de Muller, que do 3 ao 6 de agosto traerá ata a cidade a artistas como Fillas de Cassandra, A banda da Loba, Leilía ou Sés, o vixésimo cuarto Festival Internacional de Jazz e Blues do 7 ao 11 de agosto ou Urbana Monte Porreiro, coas actuacións de Bejo ou Dakidarría os días 8 e 9, son outras das propostas do verán que nos promete non ter parada ata o 2 de setembro, cando a Feira Franca poña o broche final a este festival pontevedrés.