As familias do Villa de Pitanxo piden axuda ás empresas para chegar ata o pecio ante a inacción do Goberno

PONTEVEDRA> Os familiares do Villa de Pitanxo piden a colaboración do sector privado para baixar ao pecio do barco afundido en Terranova. Hoxe concentráronse ás portas da Subdelegación do Goberno de Pontevedra para denunciar a inacción do Goberno de España para esclarecer as causas do naufraxio. Dende alí fixeron un chamamento para que algunha empresa lles facilite un barco para trasladar os equipos precisos para a operación ata o punto da traxedia.

O vindeiro 15 de agosto cumpriranse seis meses dende que o Villa de Pitanxo afundiu en augas de Terranova, e as familias dos 21 falecidos manteñen a súa loita para que se baixe ao pecio.

Hoxe concentráronse diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para denunciar a inacción do Goberno central. Acusan a Pedro Sánchez de incumprir o compromiso que adquiriu coas familias.

Onte o presidente da Xunta de Galicia entregou a Pedro Sánchez unha carta das familias nas que lle pedían que se baixe ao pecio afundido. Pero segundo lles trasladou Alfonso Rueda, o presidente estatal mantivo a postura que xa lles presentara a ministra de Transportes aos familiares: non porán en marcha o operativo alomenos que sexa un xuíz ou a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos os que o soliciten.

Ante esta situación, as familias fan un chamamento ao sector privado. Piden que algunha empresa lles facilite un barco para trasladar os equipos necesarios a Terranova.

As familias apuntan que o tempo para realizar esta operación está a esgotarse. Segundo os expertos, tería que realizarse nos meses de verán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí