A nova directora de Cártias Arousa: ‘Continuarei coa gran labor que comezou Paco’

VILAGARCIA> Cáritas interparroquial Arousa presenta á súa nova directora. Mar Viqueira continuará o legado de Paco Fernández intentando sumar máis voluntarios e axudando á integración laboral das persoas con menos recursos. Dende Cáritas tamén fixeron un balance do seu traballo durante a pandemia.

O pasado mes de abril, Cáritas Interparroquial Arousa e toda a comarca, recibían un duro golpe coa morte do seu director Paco Fernández, un home moi querido pola súa implicación na loita pola igualdade social. Despois de 4 meses, a Ong arousana presentou hoxe a súa nova directora, Mar Viqueira, nun acto no que tamén quixeron lembrar a Paco o de Cáritas.

Mar Viqueira leva anos colaborando con Cáritas Interparroquial Arousa, xa sexa no comedor social, na casa de San Cibrán ou no roupeiro municipal, ademais de formar parte da comisión permanente. Viqueira tamén traballou da man con Paco Fernández, do que promete continuar o seu legado.

Mar Viqueira afronta o cargo con moita ilusión e responsabilidade. Entre os seus primeiros obxectivos destacan o coidado e a incorporación de novos voluntarios e a formación de persoas desempregadas para que se incorporen ao mundo laboral.

Cáritas Interparroquial Arousa tamén fixo balance do seu traballado durante a pandemia. Neste tempo axudaron a 1315 persoas entre o comedor social, as persoas sen fogar e as familias con fillos e sen recursos.

O comedor social foi unha das medidas máis importantes durante a pandemia. O reparto a domicilio permitiu tamén axudar á saúde mental de moitas persoas que ao vivir soas non tiñan máis xente coa que falar nin posibilidades de desprazarse a facer a compra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí