O PP fai vicepresidenta da Mancomunidade do Salnés á cambadesa Sabela Fole

CAMBADOS> A voceira do Partido Popular de Cambados, Sabela Fole, xa é a vicepresidenta da Mancomunidade do Salnés. Fíxoo o PP en solitario, cos votos en contra de PSOE, BNG e Esquerda Unida. Fole entrará así na comisión executiva, igualando as forzas dos socialistas e dos populares, tendo en conta que estes teñen do seu lado o voto de calidade do presidente David Castro.

As protestas dos alcaldes socialistas non conseguiron frear onte a convocatoria do pleno extraordinario da Mancomunidade do Salnés. Unha sesión na que se produciu o nomeamento da voceira do PP de Cambados, Sabela Fole, como vicepresidenta do ente comarcal.

Agora Fole formará parte da comisión executiva desequilibrando a balanza a favor dos populares. Serán cinco alcaldes do PSOE e catro do PP, que conta agora coa voceira do seu partido en Cambados e co voto de calidade do presidente para romper o empate.

Para os socialistas, os populares están a actuar de xeito unilateral. E recordaron que hai unhas semanas acordaran crear unha comisión para estudar un cambio nos estatutos da Mancomunidade incluíndo cuestións como a elección do vicepresidente.

Tampouco houbo acordo no outro punto da orde do día: os orzamentos para o 2024. As contas ascenden aos 5,7 millóns de euros. Os socialistas votaron en contra porque, segundo Giráldez, non se convocou unha comisións de contas.

O documento contempla un incremento da partida de 50.000 euros para redactar un anteproxecto para ampliar e reformar a estación potabilizadora de auga. Tamén aumentouse a partida para feiras e eventos de promoción turística, pasando dos 20.000 aos 35.000 euros.