O CEIP de Vilaxoán celebra por adiantado a chegada do ano novo

VILAGARCÍA> O 2022 comeza no colexio de Vilaxoán. O alumnado vestiuse hoxe de gala para celebrar de forma adiantada a chegada do novo ano. Os nenos e nenas substituíron as uvas por gusanitos e despediron a festa cun chocolate con churros.

Vestidos coas súas mellores galas e con gusanitos en lugar de uvas, así celebraron de forma adiantada, os nenos e nenas do colexio de Vilaxoán a chegada do ano novo. Ás 12 do medio día, saíron ao patio mantendo as medidas de seguridade para despedir o trimestre e o 2021.

Ao igual que acontece cos máis maiores, entre as nenas e nenos tamén houbo dúbidas cos cuartos e as badaladas para comer os gusanitos, pero finalmente todos remataron as súas bolsas, bailaron, cantaron e remataron o día comendo chocolate con churros.

Aínda que non todos comeron chocolate, algúns preferiron unha peza de froita.

A celebración serviu para que todos os nenos e nenas do centro puidesen gozar dunha actividade no centro despois de dous anos de parálise e despedir o ano por todo o alto. O más pequenos, ademais dos desexos para Papa Noel e os Reis Magos tamén teñen claro o que lle piden ao 2022.